Os bombeiros do consorcio provincial acudirán ao pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez
Os bombeiros do consorcio provincial acudirán ao pleno da Deputación de Pontevedra que se celebrará este venres 29 de decembro. Farano despois de protagonizar unha manifestación polas rúas da cidade do Lérez nunha marcha que partirá desde o recinto feiral.
Esta protesta está convocada polo comité de empresa e conta co apoio da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia e a Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais, cuxos representantes acudiron este mércores a unha rolda de prensa en Pontevedra na que se informou desta mobilización.
O presidente do comité de empresa, Ángel Moldes, explicou que os motivos que lles levaron a esta situación de conflito derivan da xestión deste servizo público que está a facer a concesionaria Matinsa desde xuño de 2013 que "incumpre o prego de condicións", segundo denunciaron "primeiro ante a empresa e despois ante o consorcio" para que sexan emendadas estas deficiencias e "que cumpra o contrato coa administración".
Sinalan que a empresa non está a dotar aos traballadores dos equipos de protección básicos para a realización do traballo esencial como o obriga a prevención de riscos laborais, relatan que hai vehículos que están longos períodos avariados, materiais que non se repoñen, non se fan mantementos adecuados, non se cobren as baixas do persoal e as dotacións están case sempre ao mínimo, entre outros incumprimentos, "con evidente afectación á calidade do servizo aos cidadáns".
Ángel Moldes apuntou que as administracións reclamaron a Matinsa o cumprimento do contrato "pero a empresa non lles fai caso". Os 73 traballadores dos catro parques do consorcio: Bueu, Porriño, Vilagarcía, Ribadumia están de folga desde o pasado 8 de agosto.
A convocatoria perseguía que se fixasen os servizos mínimos, "parece unha incongruencia pero era o que os traballadores queriamos". O decreto de servizos mínimos fixa tres traballadores por quenda, un xefe e dous bombeiros-condutores, o mesmo número de efectivos que recolle o prego de condicións do contrato e "que se estaba incumprindo" xa que estaban a traballar por quenda menos bombeiros "só 3 por garda, sempre 3", unha cantidade "insuficiente" apuntou Moldes. Curiosamente foi a empresa a que recorreu por abusivos estes servizos mínimos ante o Xulgado do Contencioso.
Tamén nos tribunais a empresa ten catro xuízos pendentes co comité de empresa que se lamenta da "represión sindical".
A coalición Son-Marea defenderá unha moción no próximo pleno da Deputación na que insta á corporación ao comezo dunha auditoría do servizo provincial contra incendios e salvamento, actualmente xestionado por Matinsa. Ademais tamén solicita que se inicie de maneira inmediata a apertura do expediente de rescisión de contrato no caso de que a auditoría mostrase datos negativos.
O comité de empresa celebrou dúas reunións nas últimas semanas co goberno provincial "para ver como atallan estes incumprimentos" ademais o pasado 5 de decembro solicitaron unha reunión coa presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Os traballadores reprochan á Deputación e á Xunta que manteña este servizo privatizado con esta concesión administrativa a Matinsa que está valorada en máis de 21 millóns de euros e demanda que se reverta a situación e "aposten por un servizo integral de emerxencias en Galicia público e homoxéneo", concluíu Moldes.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- PSOE e BNG adían ata 2021 a desprivatización dos Parques de Bombeiros provocando o enfado dos traballadores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os bombeiros do consorcio manifestaranse "contra os incumprimentos de Matinsa"
Por Redacción |
-
Piden unha auditoría do servizo provincial contra incendios
Por Redacción |
-
Os bombeiros do consorcio provincial volven levar as súas denuncias á Inspección de Traballo
Por Redacción |