Comeza a fase de alegacións das obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-549
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia deste mércores publica o inicio da fase de alegacións ao proxecto para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-549, no seu treito entre os concellos de Vilanova de Arousa e Cambados. Esta fase rematará o vindeiro 8 de febreiro.
Trátase dunha actuación que transcorre entre o final da parroquia de Deiro, no Concello de Vilanova de Arousa, e a intersección coa VG-4.3 en Cambados. O proxecto define actuacións puntuais para mellorar a seguridade viaria nesta estrada, na lonxitude identificada como un treito de concentración de accidentes, e onde se pretende reducir de forma significativa a sinistralidade.
As principais actuacións realizaranse nas interseccións mais relevantes do tramo e consistirán na execución de cuñas de cambio de velocidade, para facilitar as manobras de saída ou incorporación á estrada; a construción de semiglorietas para cambios de sentido nas principais interseccións, en puntos con suficiente visibilidade para realizar os xiros á esquerda; e a construción dunha nova glorieta en Corvillón.
Tamén se levará a cabo a mellora da contorna da glorieta existente no punto quilométrico 9+400, executando un illote físico para facilitar a súa percepción e reorganizando os accesos próximos a ela; e tamén se mellorará a seguridade nos pasos de peóns e nas paradas de bus, con medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións e a execución de orellas nas beirarrúas, entre outras.
Por último, revisarase a sinalización horizontal e vertical, e tamén o balizamento.