Sanxenxo atendeu 46 familias en situación de emerxencia social
Por Redacción
Un total de 46 familias de Sanxenxo foron atendidas ao longo de 2017 dentro do programa de emerxencia social posto en marcha polos servizos sociais municipais.
A este programa destináronse 21.416 euros, dos cales 8.500 euros proceden dunha subvención da Deputación de Pontevedra e o resto de fondos propios.
Esta axuda prestada baséase, principalmente, na entrega de alimentos, axudas en pagos de alugueres, recibos de primeiras necesidades ou enterros en casos de falecemento.
Ademais dos alimentos que desde o programa se compran para entregar ás familias beneficiarias do servizo, o Concello destaca a importancia as doazóns que fan asociacións e veciños.
“Desde a Concellería coñecemos de primeira man a difícil situación que atravesan algunhas familias deste concello e tentamos poñer os medios necesarios para dar resposta ás súas necesidades asistenciais e facer fronte a aqueles gastos puntuais que lles resulta imposible asumir”, destaca Silvia Freire, concelleira de Servizos Sociais e Igualdade.
Sanxenxo gasta en política social 1.444.613 euros ao ano, lembran desde o goberno municipal.