A Audiencia de Pontevedra dá a razón a un pai denunciado por revisar o WhatsApp da súa filla de 9 anos
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra deu a razón a un pai ao que foi denunciado pola súa ex parella por revisar as conversacións de WhatsApp da filla de 9 anos que ambos teñen en común. O home tentou facer o mesmo co teléfono móbil do fillo maior, tamén menor de idade, pero este negouse a dar o contrasinal.
O tribunal non considera que o proxenitor cometese infracción algunha e mesmo avalan a súa actuación.
A nai dos menores presentou unha denuncia por descubrimento de segredos e vulneración da intimidade dos pequenos despois de que os seus fillos lle contasen que, cando estaban co seu pai, este meteunos nunha habitación e estivo a repasar con eles as conversacións do móbil da nena.
O xuíz de primeira instancia que revisou o caso decidiu o seu sobresemento provisional, pero a nai recorreu en segunda instancia. Nun auto da maxistrada María del Rosario Cimadevila Cea, da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, resolve que o pai denunciado comparte a patria potestade dos seus fillos menores e, por tanto, "ten a obrigación" de "velar por eles, educalos e procurarlles unha formación integral".
A decisión, sobre a que non cabe recurso algún, sostén que o desenvolvemento das redes sociais e de aplicacións como WhatsApp "require atención e vixilancia dos proxenitores" e considera que non se reúnen os requisitos do delito de descubrimento e revelación de segredos.