Intervención obriga a retirar do orzamento a subida salarial prevista para 48 traballadores
Por Redacción
Vanessa Rodríguez Búa, edil non adscrita, sinalou que os orzamentos presentados polo goberno local de Telmo Martín teñen moitos aspectos "pouco claros".
Rodríguez Búa informou que na comisión previa ao pleno, celebrada o pasado xoves 21 de decembro, o concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, "viuse obrigado" a retirar a subida salarial prevista no orzamento para 48 persoas ao non contar co informe favorable da intervención municipal, nin co visto e prace de sindicatos e traballadores.
"No persoal municipal é certo que hai certos desaxustes salariais que é necesario corrixir, pero hai que facelo cumprindo todos os preceptos legais. Está claro que Marcos Guisasola e Telmo Martín non están afeitos ter en conta estes preceptos e víronse obrigados a rectificar sobre a marcha. Unha nova actuación irregular que non deixa de sorprendernos", declarou a edil non adscrita.
Vanessa Rodríguez Búa expoñerá no pleno extraordinario que terá lugar este mércores a súa argumentación en contra dun orzamento que considera "irreal" e que, ao seu xuízo, "reflicte a clara intención de Telmo Martín de volver levar a Sanxenxo aos históricos niveis de endebedamento en que o deixou cando se foi a Pontevedra e cuxa redución nos últimos anos foi notable".
"Novos créditos, ao meu xuízo inxustificados, e máis débeda para Sanxenxo. Esa é a premisa económica de Telmo Martín e así o recolle nos orzamentos. Un endebedamento que levou a un plan de axuste con durísimas consecuencias para os veciños a través de decisións que non tivo que tomar el; ese mal grolo deixou que o pasasen outros", sinalou.
Por último a fundadora da corrente Sanxenxo Independentes indicou que tras anos de contención do gasto, nos que o Concello apenas tivo capacidade investidora, "Telmo volve para facer máis do mesmo: Endebedar o Concello para poder investir e que luzan obras no municipio que lle permitan presentarse ás eleccións do 2019 como un gran xestor. E haberá quen lle crea, pero a realidade é moi diferente. O único que fai é xogar co diñeiro de todos e o futuro de Sanxenxo".
Relacionadas:
-
O Concello de Sanxenxo afrouxa o cinto
Por Redacción |
-
Sanxenxo reduciu o ano pasado a súa débeda en case un millón e medio de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo propón unha subida salarial para 48 traballadores municipais
Por Redacción |
-
Sanxenxo presenta un orzamento de case 32 millóns para 2018
Por Alejandro Espiño |