Sabías que no Parque das Illas Atlánticas hai 46 especies distintas de bolboretas?
Por Oskar Viéitez
A Sociedade Galega de Historia Natural ten constatado a presenza de 46 especies distintas de bolboretas no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Este mesmo ano os investigadores descubriron dúas novas: a Favonius quercus e Plebejus argus.
O seu achado foi publicado por Xosé Luis Rey-Muñoz na revista Braña, da Sociedade Galega de Historia Natural.
Favonius quercus foi localizada nos límites da carballeira existente na illa de Cortegada durante unha incursión para a recompilación de rexistros biolóxicos. Plebejus argus foi localizada na illa de Ons durante unha prospección entomolóxica realizada ó longo da illa.
O autor do achado salienta que o exemplar "foi identificado e liberado no mesmo lugar da captura".