Ferido un motorista da Policía Nacional cando perseguía un ladrón
Por Oskar Viéitez
Un axente da Policía Nacional resultou ferido este sábado ao sufrir un accidente de tráfico coa moto que pilotaba no transcurso dunha persecución.
Segundo informaron testemuñas presenciais, o sinistro produciuse ao redor das dúas da tarde na estrada PO-532, nas inmediacións do cemiterio de San Amaro.
O axente perseguía a un Opel Astra conducido por un individuo que acababa de roubar nun supermercado do barrio dos Salgueiriños. O coche do fuxido circulaba a gran velocidade adiantando de maneira temeraria ao resto de vehículos.
Segundo relataron estas mesmas fontes o sinistro produciuse ao invadir o axente o carril contrario para adiantar, chocando a moto da Policía Nacional contra outro vehículo que circulaba correctamente.
Como consecuencia do impacto o axente tivo que ser atendido nun centro sanitario. O ladrón conseguiu escapar.