Eladio Portela, Ventura Reyes e Ramón Barral: todos para un e unha celebración de 5 décadas para todos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Son como Athos, Porthos e Aramis, tres veteranos mosqueteiros que se unen cada 22 de decembro ao redor dunha boa mesa e dunha botella de cava. Eladio Portela, Ramón Barral e Ventura Reyes conforman un trío de pontevedreses amigos case desde a infancia, que viven unha segunda mocidade este nadal celebrando medio século de reunións festivas.
Todo comezou hai 50 anos cando a Ventura Reyes tocoulle un importante premio no Sorteo Extraordinario da Lotería de Nadal. Aí comezaba este encontro que se viu multiplicado a outras dúas citas de reunións por estas datas. O 30 de decembro e o 4 de xaneiro volven quedar. O motivo? Evitar conflitos á hora de sacar a carteira. Se só mantíñan unha data de celebración non chegaban a acordo á hora de pagar a cea. Todos querían convidar e cada un alegaba unha causa, así que decidiron multiplicar o encontro por tres e en cada ocasión convida un dos tres amigos.
Eladio Portela móstrase orgulloso de que nunca tivesen que suspender unha destas citas, a pesar de ocupar cargos de responsabilidade política, durante moitos anos, tanto na Deputación como na corporación municipal con alcaldes como Augusto González Sánchez, Joaquín Queizán, José Rivas Fontán ou Juan Luís Pedrosa. Ventura Reyes lémbralle unha ocasión na que Portela presidía unha comisión de goberno provincial que se prolongaba e pasou horas enviando recado alertando do atraso. "Y allí estábamos Moncho y yo a la espera, terminando las botellas a gatas", chancea Reyes. Estes encontros festéxanse con botellas de cava, sen presenza das súas mulleres e con dous temas centrais de conversación: a política e os negocios.
Ramón Barral e Ventura Reyes recoñecen que Eladio Portela é un gran analista político. "Sin embargo, ahora sería absolutamente incapaz de haber aventurado lo que pasó en Cataluña", indica o que tamén foi un notable empresario das artes gráficas na cidade e presidente da Cámara de Comercio con Reyes como vicepresidente cameral. Ventura tamén analiza a situación. A el tócalle de preto porque as súas dúas fillas residen en Barcelona e seguen todo o proceso secesionista con preocupación. Ramón Barral, máis comedido, fai unha comparativa entre a realidade actual e a ficción da última serie que viu, 'Babylon Berlin'.
TRES PERSOAS DE RELEVANCIA EN PONTEVEDRA
Ramón Barral foi director xeral do Banco Simeón desde 1995 a 2003 e Ventura Reyes coincidiu con el durante os anos de carreira: "Moncho era un fenómeno y la acabó rápido", indica. Pero Ventura tampouco quedou atrás, á morte do seu pai, sendo moi novo, fíxose cargo da fábrica familiar de fariñas, Reyes Hermanos. Antes, coincidira no servizo militar con Eladio Portela. "Era cabo furriel", afirma Reyes "y las guardias me las empaquetaba a mí".
Estes encontros comezaron no histórico Lar. Cando pechou foron probando varios restaurantes ata que recalaron no Jaqueyvi. Alí continuaron a tradición da cea no día da Lotería ata que ese local tamén pechaba as súas portas. Agora levan dous anos contándose as súas historias no Restaurante Alameda. "Contando batallitas", di Portela, que lembra que con 27 anos foi o concelleiro máis novo de provincias de toda España.
Os tres mostran un estado de saúde e de forma envexable. Ventura e Ramón practican golf desde hai anos, cando se iniciaron para desconectar da vida laboral. Esa actividade deportiva axúdalles a estar en boas condicións físicas, tanto que están dispostos a seguir celebrando estes encontros o día da Lotería de Nadal durante outros 50 anos máis.