Decláranse inocentes tres veciños de Vilaboa, acusados de abusar dunha menor
Por Oskar Viéitez
O xuízo contra tres homes acusados dun delito continuado de abuso sexual a unha menor deficiente en Vilaboa continuará o próximo 9 de maio tras suspenderse a vista iniciada este martes na sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra.
Na primeira sesión do xuízo declararon os tres acusados para os que a fiscalía solicita 9 anos de cárcere. Todos eles declaráronse inocentes, rexeitando os cargos que lles imputan que segundo a acusación ocorrerían entre o ano 2003 e 2007.
Nin sequera era consciente de que a nena sufrise ningún tipo de atraso mental
O primeiro en declarar ante o Tribunal foi Aníbal M.F., de 28 anos naquela época. Asegurou que ía á casa dos pais da menor a "facer traballos co tractor" pero que "nunca vin nada" nin sequera era consciente de que a nena sufrise ningún tipo de atraso mental. O fiscal recordoulle que ao ser detido declarou ante a Garda Civil que el subiu a Enrique, outro dos acusados, e á menor a unha cabana en Vilaboa, ratificándose nestes feitos, non así no resto daquela declaración que dixo asinou baixo as presións dos axentes do Cuartel de Moaña.
A continuación declarou Enrique C.C., que tiña entón 33 anos e era veciño da presunta vítima "era case da familia", respondeu con dificultade ás preguntas formuladas polo fiscal e a acusación particular. Negou rotundamente que mantivese relacións sexuais coa menor "non quería líos con ela" dixo ao ser preguntado, "había rumores de que eu estaba con ela" polo que, segundo declarou, botouna da súa casa na única ocasión na que se quedaron a soas.
Chamou a atención da sala que Enrique dixese que era mentira que subise en coche xunto á menor á cabana de Vilaboa tal e como acababa de explicar o seu amigo.
Enrique explicou que esta denuncia "rompeulle" a vida. Perdeu o traballo e a súa muller, coa que ten un fillo, pediulle o divorcio. Asegurou que vive este caso "con angustia".
Contou que a Garda Civil presionoulle cando acudiu voluntariamente ao Cuartel
En canto ao terceiro dos acusados, José Diego G.R., de 33 anos naquela época, negou coñecer á menor, "só de vela polo pobo". Contou que a Garda Civil presionoulle cando acudiu voluntariamente ao Cuartel porque lle avisaron "por un accidente". Dixo que os Gardas Civís ensináronlle un teléfono móbil e dixéronlle que o tiñan todo gravado e que el "chorando" inventoullo todo, relato, datas e demais.
Contou tamén que a ex esposa de Diego denunciou á menor un mes antes da detención porque a ameazaba por teléfono.
Oidos os acusados foi a quenda dos dous axentes da Garda Civil que instruíron as dilixencias do caso no 2007 pero que hoxe non recordaban ningún detalle. "Non recordo", "é posible", "o meu menoria impídeme recordalo", "non podo concretar nin precisar", foron respondendo. Nin sequera puideron aclarar con firmeza si estaban presentes os avogados cando se lles tomou a declaración aos detidos.
Finalmente declarou a menor, nacida no ano 1992. Fíxoo a porta pechada e detrás dun biombo a petición expresa da acusación particular.
O fiscal, Alejandro Santiago de Miguel, sostén que os tres acusados dirixíronse á menor "en diversas ocasións coa intención de satisfacer os seus desexos sexuais con coñecemento da situación da súa menor idade, así como aproveitándose do atraso mental que a mesma padece". O Ministerio público sinala que estas situacións repetíronse noutras ocasións, polo menos outras dúas máis ata o ano 2007.
A fiscalía apunta que os feitos son constitutivos dun delito continuado de abuso sexual, polo que pide ao Tribunal que impoña para cada un dos acusados a pena de 9 anos de prisión e en concepto de responsabilidade civil solicita unha indemnización de 20.000 euros polos prexuízos sufridos.