Piden unha auditoría do servizo provincial contra incendios
Por Redacción
A coalición Son vén de rexistrar unha moción para o vindeiro pleno da Deputación de Pontevedra na que insta á corporación ao inicio dunha auditoría do servizo provincial contra incendios e salvamento, actualmente xestionado por Matinsa. Ademais tamén solicita que se inicie de maneira inmediata a apertura do expediente de rescisión de contrato no caso de que a auditoría amosase datos negativos.
Esta moción é froito de numerosas denuncias ao longo destes anos por parte do cadro de persoal do servizo contra incendios e salvamento, "que veñen sufrindo os recortes da privatización na súa quenda laboral sen que as administracións públicas competentes tomen cartas no asunto", afirma o deputado provincial, Xosé Lois Jácome.
O deputado comentou que "temos na provincia de Pontevedra un servizo esencial totalmente privatizado, co perigo que supón o desmantelamento neste eido, para nós e para o cadro de persoal, que ata hai unhas semanas non tiñan nin roupa de traballo adecuada para as temperaturas que soportamos estes meses". Jácome, tamén amosou discrepancias coa Deputación e a xerencia do consorcio provincial; pois viu de rexistrar ata catro veces unha solicitude para visitar os parques comarcais, sen que a xerencia, a empresa ou o deputado delegado da área contestasen a ditas peticións en sete meses.
"É evidente que cando non nos permiten a entrada ós parques nin recoñecen incumprimento de contrato algún, algo están ocultando" apuntaba Jácome en relación ás últimas respostas recibidas por parte da Deputación respecto ó funcionamento do servizo contra incendios.
Segundo o representante da coalición Son, existen "numerosos indicios" de que Matinsa está a incumprir o contrato asinado durante a presidencia de Rafael Louzán, "comezando principalmente polas unidades específicas, das que actualmente ningunha funciona a pesar de que o contrato esixía o mantemento de todas as unidades que funcionasen ata o momento da concesión".
A actual xerencia xustifícao dicindo que non eran unidades profesionais, "mais se nos paramos a observar as infraestruturas dos parques, comprobamos que no de Ribadumia existen canceiras pagadas con cartos públicos; o que fai evidente a existencia da unidade canina, entre outras".
A isto se lle suman as "pésimas condicións laborais" que vén carrexando o cadro de persoal, onde a propia Inspección de Traballo denunciou 19 feitos na relación laboral con Matinsa, instando á empresa a arranxar a situación de maneira inmediata.
Jácome agarda que o goberno da Deputación "defenda os intereses da cidadanía e do cadro de persoal" votando a favor desta moción e non da empresa privada Matinsa, pois esta situación di, "non se pode soportar durante moito tempo máis".
Relacionadas:
-
Os bombeiros do consorcio provincial acudirán ao pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Os bombeiros do consorcio provincial volven levar as súas denuncias á Inspección de Traballo
Por Redacción |
-
A Deputación pide á Xunta un informe técnico que demostre a eficiencia da comarcalización dos parques de bombeiros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |