59.000 euros para mellorar o espazo próximo á capela de Baltar
Por Redacción
A concellería de Urbanismo de Sanxenxo está a redactar un proxecto para dotar dun espazo público toda a zona próxima á capela de Baltar. A actuación consistirá na creación dunha praza pública e dunha zona verde.
Tamén está previsto instalar mobiliario urbano e iluminación. A execución do proxecto comezará co levantado dos solados actuais, formados por baldosas de cemento e terrazo. Ademais retirarase a maleza existente nesta contorna.
Despois, está previsto que se nivele o terreo para colocar lastra de formigón, banzos de pedra e canaletas para a recollida de augas pluviais. Os farois serán de catro metros de altura e construiranse uns bancos de pedra rematados con madeira e aceiro. O goberno de Telmo Martín estuda a instalación de papeleiras no recinto e a plantación de árbores.
A capela de Baltar tamén será mellorada co pintado exterior, unha actuación que se estenderá ao centro de transformación. Desde a concellería espérase que estes cambios supoñan unha importante modernización de toda a zona, ademais dunha mellora do patrimonio cultural do municipio. O orzamento previsto para estas obras ascende a 59.000 euros.