Sanxenxo propón unha subida salarial para 48 traballadores municipais
Por Redacción
Desde o ano 2009 ata hoxe o persoal municipal do Concello de Sanxenxo reduciuse en 16 traballadores, fundamentalmente por xubilación dos mesmos. Estas prazas non foron cubertas o que obrigou a determinados empregados municipais a asumir funcións e responsabilidades superiores aos soldos que perciben.
Ademais, ata o 2021, está prevista a baixa por xubilación doutros nove empregados municipais, segundo informaron fontes oficiais do consistorio.
Doutra banda, o goberno local ten expresado a súa vontade de ir mellorando os soldos máis baixos do persoal na medida que se vai recuperando a estabilidade económica do Concello.
Ademais, o novo orzamento contempla a inclusión no persoal de novas prazas ou modificación das prazas actualmente vacantes por xubilación. Entre as prazas de nova creación destaca a dun inspector principal da Policía Local e a dunha praza de animadora socio cultural.
Actualmente o persoal municipal componse do Concello (94 traballadores), Terra Sanxenxo (110 traballadores), Turismo Sanxenxo (1 traballador) e Nauta Sanxenxo (17 traballadores), para un total de 222 empregados.
A subida salarial para o conxunto do persoal municipal virá determinado polos Orzamentos Xerais do Estado, pendentes de aprobación. Con independencia da subida lineal que estableza o goberno de España, o goberno local entende que hai que mellorar os soldos daqueles empregados municipais que os teñen máis baixos e daqueles que están a asumir funcións e cargas de traballo superiores ás súas actuais retribucións.
O número de traballadores aos que se lles aumenta o soldo no orzamento do 2018 é de 48 cun custo total anual aproximado de 100.000 euros. Entre eles destacan as 22 mulleres que traballan no servizo de atención no fogar e as 24 persoas do servizo de limpeza.
Relacionadas:
-
Sanxenxo reduciu o ano pasado a súa débeda en case un millón e medio de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Intervención obriga a retirar do orzamento a subida salarial prevista para 48 traballadores
Por Redacción |
-
Sanxenxo presenta un orzamento de case 32 millóns para 2018
Por Alejandro Espiño |
-
Os sindicatos e o goberno local acordan o convenio colectivo para os dous próximos anos
Por Redacción |