As Nadaladas enchen de creatividade artesá a praza do Teucro
Se buscas un agasallo orixinal e especial para este Nadal, tes unha cita obrigada coa Praza do Teucro. Este emblemático espazo do centro histórico acolle ata o próximo 5 de xaneiro unha nova edición da feira de artesanía e agasallos de Pontevedra que, este ano, chega cargada de novidades.
A máis importante é o seu novo espazo. "Fixemos un cambio necesario e para mellor", sinalou na súa inauguración o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. A feira celébrase nunha carpa renovada, máis hermética, cun novo piso que evitará que se inunde coas chuvias e cun lateral transparente que deixa ver a praza.
Tamén estrea nome. De Pontenadal pasa a ser As Nadaladas do Teucro. Iso si, mantén o seu horario: de 11 a 14 horas e de 17 a 21.30 horas. Só pechará ao público os días festivos do 25 de decembro e do 1 de xaneiro.
Artigos de coiro, tecidos, xoias, instrumentos musicais, zocas ou alimentación son só algúns dos sectores dos que proceden os 31 artesáns que participan nesta feira impulsada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
"Hai artesanía de todo tipo, interesante e apetecible para agasallos de Nadal", comentou Fernández Lores, que pediu aos pontevedreses que "pasen polo menos a dar unha volta pola praza do Teucro, se compran mellor e se non compran xa o farán outro día".
O alcalde sinalou que "vale a pena vir aquí" porque recordou que os artesáns "son maioritariamente autónomos" que traballan os seus propios produtos "e interésalles darse a coñecer".
Miguel Lago, presidente de Zona Monumental, tamén amosou a súa confianza no tirón da reformulada feira. O produto que se presenta, a forma e o lugar, dixo, "son inmellorables".
Ademais dos postos de venda, As Nadaladas do Teucro inclúen actividades complementarias como obradoiros, cata e degustación de cervexa, contacontos ou a visita de Papa Noel.