Galáurea pon a disposición das súas traballadoras os servizos dunha terapeuta
A empresa pontevedresa Galáurea comezará 2018 cun novo servizo para as súas traballadoras. Dun modo totalmente gratuíto, poderán contar coa asistencia dunha terapeuta para darlles masaxes, terapia bioenerxética ou asesorarlles en temas de nutrición e saúde.
Como explica Marta Blanco, a directora xerente de Galáurea, este servizo está dirixido principalmente ás auxiliares de axuda a domicilio, xa que "seu labor é pesado tanto fisicamente como psicoloxicamente, o que fai que calquera tipo de axuda mellore o seu estado de saúde e redunde nunha mellor atención aos seus usuarios".
A terapeuta encargada deste servizo é unha profesional con case 20 anos de experiencia no sector, altamente cualificada como dietista e masaxista diplomada, ademais de experta en bioenerxética.
Trátase dun proxecto que Marta Blanco estivo planificando durante meses, xa que as áreas de traballo son moi diversas. Bionerxética e masaxe descontracturante para tratar tanto o desgaste físico como os problemas de ansiedade ou alteracións do soño; nutrición, con asesoramento en dietas adaptadas ás diferentes necesidades de saúde, control de peso ou estacionais; e un apartado específico de saúde, no que se prestará especial atención ao coidado do aparello dixestivo, circulatorio e as articulacións, así como tratamentos personalizados cos chamados "alimentos-medicina".
Este servizo pon en valor a actividade de Galáurea, que en 2017 renovou co Concello de Pontevedra a prestación do Servizo de Atención a Urxencias Domiciliarias para todo o municipio, así como o Servizo de Axuda a Domicilio co Concello de Lalín, entre outros.