A Policía Nacional retoma as patrullas en moto
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
As rúas de Pontevedra ofrecen desde este martes unha imaxe á que os pontevedreses e visitantes xa non estaban afeitos: as patrullas motorizadas da Policía Nacional.
Os axentes da Comisaría de Pontevedra adoitaban patrullar as rúas de Pontevedra en moto anos atrás, pero había xa polo menos catro anos que estes vehículos non saían do garaxe.
Este martes foi o primeiro día que volveron estas patrullas sobre dúas rodas e, segundo indicaron fontes da Comisaría Provincial, a intención é que a partir de agora se xeralicen e sexa habitual ver aos policías en moto polas rúas, un servizo que garante unha maior proximidade entre os policías e o cidadán que o coche patrulla ' Z' habitual e que, ademais permite reaccionar con maior axilidade ante unha chamada de alerta.
Segundo puido saber PontevedraViva, estreáronse no marco da campaña Comercio Seguro que a Policía Nacional pon en marcha cada mes de decembro, e ata o 7 de xaneiro, para extremar todas as medidas de seguridade durante as festas do Nadal, pero a partir de xaneiro utilizaranse para os servizos de seguridade cidadá.
Os dous axentes que esta semana inauguraron o novo servizo en horario de mañá indicaron que as primeiras xornadas están a ser satisfactorias e o feito de haberse motorizado permítelles dar un servizo "más cercano" ao cidadán e, ademais, máis rápido, pois "Pontevedra es una ciudad peatonal, es muchísmo más acccesible para la moto que para el coche".
Nestas primeiras xornadas, e durante o tempo que dure o plan Comercio Seguro, as patrullas centraranse na zona comercial de Pontevedra, pero logo percorrerán todas as rúas da cidade e da área competencial da Policía Nacional.