Esta Noiteboa volven os clásicos á mesa
Por Oskar Viéitez
A Federación Provincial de Comercio vén de publicar a súa enquisa sobre o consumo estimado para as ceas e comidas do Nadal.
Este estudo reflicte que se impoñen os clásicos nos menús familiares. Así, fronte ás tendencias doutros anos anteriores, neste 2017 os fogares pontevedreses recuperar vellos menús situando entre o máis demandado ao lagostino, o boi e a pescada, principalmente conxelados. Unha importante porcentaxe pon embutidos variados e volve con forza o bacallau con coliflor, o pito ou o pavo, así como o cordeiro.
O gasto superior é na noite de final de ano na que a xente esmérase máis en levar algunha variedade de mariscos, peixe e o cabrito.
Para a comida do primeiro de ano unha porcentaxe importante inclínase sobre o tradicional cocido ou lacón con grelos. Moitos consumidores realizaron xa as súas compras desde finais de novembro ata o 15 de decembro anticipándose así ao subidón que experimentan os prezos no mercado para os produtos frescos.
Por outra banda, a Federación de Comercio refírese ás ceas de empresas e grupos de amigos, nas que se estima unha participación desde comezos de decembro ata o día 23 de decembro, de preto de 45.000 persoas na provincia de Pontevedra, cun gasto medio por persoa previsto de entre 35 euros e 50 euros.