O PP quere saber "se a viaxe á charla con Arnaldo Otegi foi pagada con cartos públicos"
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, preguntará no vindeiro pleno municipal pola participación da tenente de alcalde, Carme da Silva, nunha charla na que compartiu butaca con Arnaldo Otegi, acto que tivo lugar no País Vasco o pasado 6 de decembro.
Ademais, tras comprobar que o concelleiro Demetrio Gómez tamén estivo presente "e incluso compartiu mesa e mantel con Otegi", o portavoz popular solicitará ao goberno local que aclare se esta viaxe se pagou con cartos públicos.
Neste mesmo pleno, os populares presentarán tres propostas co fin de que sexan debatidas pola corporación municipal.
Así, seguindo a orde do día, solicitarán a adhesión de Pontevedra aos actos que, con motivo do 40 aniversario da Constitución, acordaron as mesas do Congreso e do Senado o pasado mes de setembro, ademais da elaboración dun calendario de actividades propias a desenvolver no municipio e a limpeza e mantemento do monumento situado no barrio de Campolongo.
Os populares propoñerán que a futura Rolda Leste de Pontevedra sexa unha vía libre de lombos, e por último, solicitarán que se amplíen os servizos que se ofrecen a través do Centro de Información á Muller (CIM).
Concretamente, piden a incorporación dunha traballadora social, unha educadora e unha administrativa que permita non só aumentar os servizos que se prestan senón tamén ampliar o horario de atención.