O Pazo da Crega, eixo central do Nadal en Barro
Por Redacción
Unha programación para todos os gustos e diferentes idades. Así será, segundo destaca o goberno municipal, a oferta de actividades do Nadal en Barro.
Con este programa, o Concello busca propiciar o lecer, o goce e a convivencia entre todos nestas festas de Nadal e Aninovo.
A situación de referencia para a celebración da maior parte das actividades seguirá sendo o Pazo da Crega, ambientado para a ocasión, e no que todos os visitantes se sentirán trasladados a moi diferentes espazos relacionados co Nadal.
No Pazo haberá lugar para o Apalpador, para Papá Noel ou para os Reis Magos e outros que sorprenderán de seguro a pequenos e maiores.
Dende o 20 de decembro ata o 7 de xaneiro, poderase desfrutar de música, teatro, canto coral, folclore, maxia, contadas, festas para diferentes idades, e moitas outras cousas.
Para coordinar estas actividades, o Concello contou coa participación de entidades de Barro: coros e coral polifónica, banda xuvenil e grupo de danzas, ademais de numerosos músicos locais.
O mércores 21 procederase ao acendido do alumeado e á inauguración das instalacións no Pazo. A cabalgata de Reis, que se vai celebrar o día 5 de xaneiro a partir das 17:30 horas, sairá do Pazo á Nave da Música, onde se celebrará unha festa infantil con chocolatada.
Xunto con esta programación tamén se puxeron en marcha as actividades de Nadal na biblio e Espazos de Lecer no Nadal para que os nenos e nenas que van a desfrutar dunhas semanas de vacacións tamén sexan parte activa do Nadal en Barro.