A Xunta pon en marcha este xoves a central de chamadas para a xestión do transporte á demanda
Por Oskar Viéitez
Este xoves ponse en marcha o funcionamento piloto do sistema de ‘Transporte á demanda’, cunha central de chamadas para a reserva de prazas.
A partir do xoves 21 de decembro e coincidindo co inicio das vacacións escolares, parte dos servizos de transporte compartido (parte das liñas e nalgúns casos, algunhas das paradas das liñas) pasarán a prestarse baixo demanda e a xestionarse a través da central de chamadas.
Ademais, coa posta en funcionamento desta central de chamadas facilitarase o funcionamento dos servizos que xa están establecidos para a súa prestación baixo demanda e que actualmente se xestionaban a través dos teléfonos das diferentes compañías de transporte.
As persoas usuarias disporán dun número de teléfono fixo ao que se dirixir, o 988 68 78 00. Prevese que o sistema estea dispoñible desde as 8.00 ata as 20.00 horas, de luns a venres laborais. Con esta franxa temporal dáse cobertura á xeneralidade de potenciais peticionarios do servizo. Os servizos para un determinado día poderanse pedir, por tanto, ata as 20.00 horas do día anterior.
Existirá unha atención telefónica personalizada, mediante axentes que coñecerán o sistema de transporte e guiarán ás persoas usuarias no proceso de realización da súa petición. Esta reserva poderá ser anulada, igualmente, ata as 20.00 horas do día anterior ao da realización da viaxe.
O custe do servizo de transporte para a persoa usuaria non se verá incrementado pola utilización do sistema de petición, abonando as tarifas xerais do servizo de transporte.
O sistema reportará ás empresas de transporte tanto as reservas ou as súas anulacións segundo se vaian realizando e, pouco despois das 20.00 horas, o conxunto de peticións formuladas para o día seguinte. As compañías están obrigadas a atender todas as demandas de transporte comunicadas.