Os investigadores interrogan a testemuñas dos abusos da Estrada e buscan posibles cámaras
Por Alejandro Espiño
Os abusos sexuais sufridos por unha moza de Vilagarcía, que denunciou ser atacada por un grupo de dez mozos na Estrada, é un tema "moi sensible", segundo o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, que fixo un chamamento á tranquilidade e pediu "deixar traballar" á Garda Civil.
En declaracións aos medios en Vigo, Villanueva explicou que os investigadores interrogarán este luns ás posibles testemuñas.
"Nun caso como este interrógase a todo o mundo, dentro da contorna da propia vítima pero, sobre todo, buscando a alguén que puidese identificar aos presuntos autores e xente que circulase pola zona nese momento", sinalou o delegado do Goberno.
Ademais, Santiago Villanueva engadiu que tamén se revisará a zona na que se produciu o ataque para comprobar "se hai cámaras que se poidan visualizar e que poidan arroxar datos que poidan levar ao esclarecemento do caso".
Ante situacións deste tipo, lembra Villanueva, a denuncia é "necesaria" e sinalou que "serán benvidos" todos os datos que poida achegar calquera persoa que puidese ser testemuña dos feitos.