Lores fai un chamamento á colaboración de empresas co Pazo da Cultura
Por Alejandro Espiño
Apenas 10.000 euros dun orzamento que ascende a 1,5 millóns. É a achega de empresas de Pontevedra ao Pazo da Cultura, en concepto de patrocinio. Por iso é polo que o alcalde fixese este luns un chamamento ao tecido empresarial da cidade para que ofrezan colaboracións "de todo tipo" co organismo cultural.
Foi durante a firma do convenio que, un ano máis, renovaron as empresas Supermercados Froiz e Viaqua, que achegarán 6.000 e 4.000 euros respectivamente para patrocinar a programación cultural de Pontevedra en 2018.
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, celebrou que Froiz e Viaqua manteñan o seu apoio ao Pazo da Cultura. "Que a cidadanía sepa que estas dúas empresas colaboran coa cultura da cidade e patrocina os nosos actos culturais", sinalou.
Ambas as empresas destacaron a súa satisfacción por manter a súa achega despois de tantos anos, ao formar parte do seu compromiso social coa cidade de Pontevedra.
Tamén Fernández Lores agradeceu a aposta "constante" destas dúas compañías polo Pazo da Cultura, pero recoñeceu que a crise económica e "especialmente" unha xestión "nefasta" das caixas de aforros galegas produciron unha redución "importante" na achega privada ao Pazo da Cultura.
Pero agora, coa recesión superada, o alcalde confía en que aumenten estes patrocinios. Mentres tanto, apuntou, o Concello fará un "esforzo" para financiar as actividades do Pazo, ao entender que teñen retorno na economía na cidade. A continuidade da súa programación permanente, dixo, está "garantida".