Rescatan un traballador que sufriu un accidente laboral nas obras de Rande
Por Redacción
Un operario tivo que ser rescatado polos Bombeiros tras sufrir un accidente laboral nas obras de ampliación da ponte de Rande, na zona de Vilaboa.
O suceso produciuse pouco despois das dez da noite do domingo cando o obreiro, que estaba a traballar en altura, precipitouse cara ao chan.
Foi, concretamente, no pilar norte da ponte -sentido da AP-9 de Vigo a Pontevedra-.
Quedou atrapado, cunha perna rota, nun lugar pouco accesible pola súa altura. Os Bombeiros de Vigo e do Morrazo, desprazados ao lugar, tiveron que subir ata a zona na que se atopaba a través de escaleiras e cordas colocadas ao longo duns 90 metros.
A vítima estivo consciente en todo momento, aínda que se queixaba de dor.
Foi rescatado unha horas despois, tras baixalo do lugar no que se atopaba polas escaleiras interiores e ser trasladado a un centro hospitalario.
Ao lugar, ademais dos bombeiros vigueses, desprazáronse unidades do 061, da Garda Civil e da Policía Nacional.