Portas abertas nos Bombeiros para combater a pobreza infantil
Por Redacción & Diego Torrado
Por quinto ano consecutivo, os Bombeiros de Pontevedra celebraron unha xornada de portas abertas que, con carácter solidario, estivo dedicada a combater a pobreza infantil.
Numerosos nenos e nenas, acompañados das súas respectivas familias, achegáronse ata o parque de bombeiros para coñecer de primeira man o traballo deste corpo de emerxencias.
Alí, os efectivos do parque mostraron, entre outras cuestións, todo o equipamento que levan nos camións, como se actúa ante un accidente de tráfico ou a forma na que se debe afrontar un rescate en altura.
Os asistentes achegaron o seu gran de area para esta xornada fora un éxito, levando ata o parque comida non perecedoira, alimentos de nutrición infantil, produtos de hixiene, material escolar, roupa en bo estado ou xoguetes.
Todo estas doazóns serán entregadas a familias en risco de exclusión social a través dos servizos sociais municipais.