Arde parte da Capela das Ánimas
Por Alejandro Espiño
Unhas velas mal colocadas sobre unhas táboas, segundo as primeiras investigacións, poderían ser as responsables do incendio que se produciu este sábado na coñecida como Capela das Ánimas, lindeira co edificio que ocupa o Casino Mercantil de Pontevedra.
O lume afectou ao interior da capela e, aínda que se chegou a temer polo seu retablo -de gran valor patrimonial- finalmente este non se viu afectado polas chamas.
Tampouco se rexistraron danos importantes na estrutura deste pequeno templo relixioso, situado na travesía que une a praza de Curros Enríquez e a rúa Don Gonzalo. Non había persoas dentro no momento do incendio.
En concreto, o lume provocou danos materiais no seu interior. Calcinou diversos utensilios de limpeza e varias táboas de madeira. Ademais, debido á calor, queimouse unha tubaxe de plástico e produciuse unha fuga importante de auga
Ao lugar dos feitos acudiron os bombeiros de Pontevedra, que se encargaron de apagar o lume e refrescar toda a zona, e axentes da Policía Local.
Tras ser avisado do suceso, tamén se desprazou ata a capela o sacerdote da parroquia de San Bartolomé, da que depende esta capela na que numerosos fieis depositan velas encendidas que se ofrecen aos defuntos.
O incendio atraeu tamén o interese de numerosos curiosos que, alertados polo despregamento dos servizos de emerxencia e o cheiro a fume, achegáronse ás inmediacións para comprobar as desfeitas provocadas polo lume.