A Lama mellorou a distribución de auga en varias parroquias
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado do alcalde da Lama, Jorge Canda, comprobou este xoves as obras que se realizaron a través da orde de subvención de Fondo de Compensación Ambiental non Competitiva e que permitiron a mellora da distribución de auga doméstico en varias parroquias do municipio.
Na visita estiveron acompañados do secretario territorial da Xunta en Pontevedra, Ramón Pereiro, así como da xefa territorial de Presidencia, Marta Mariño.
Grazas a estas axudas, o Concello da Lama puido levar a cabo a renovación da primeira fase da rede de distribución de auga en Antas, Cotiño, Cornide, Carreiras e A Porteliña, así como o ramal de saneamento en Santa Ana.
Os traballos tiveron un orzamento de máis de 68.100 euros, dos cales o 100% procederon da orde de subvención para Fondo de Compensación Ambiental non Competitiva da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Esta rede de distribución executouse baixo tres tipos de pavimento, terra, formigón e aglomerado.
URXENTE OCUPACIÓN DA MELLORA NA PO-235
O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da mellora da estrada PO-235, entre os núcleos de Antas e Seixido, que contan cun investimento de case 600.000 euros, co fin de iniciala no primeiro trimestre de 2018.