Aempe agasalla os clientes do comercio local
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa (AEMPE) comeza este venres 15 de decembro a súa campaña de Nadal para incentivar as compras no comercio local de Pontevedra. Co ticket de compra, recibirán unha tarxeta cun código que deberán introducir na web de Aempe. Se resulta premiado, o importe a gastar en cada establecemento será dun mínimo de 30 euros e un máximo de 200 euros.
Sortéanse vales de compra de 1.000 euros, 500, 300, 150, 100 e de 50 euros, que os premiados poderán gastar nos establecementos da cidade. En total repartiranse 87 vales de compra.
Poderán participar todos os compradores que fan as súas compras nos establecementos do Concello de Pontevedra pero non os empregados do propio establecemento, nin os familiares en primeiro grao, do contrario anularíanse os tickets.
Os participantes deberán conservar ata a recepción do premio os tickets de compra e a tarxeta, para poder optar no sorteo dos tres grandes premios. Todos os códigos rexistrados na web, entrarán no sorteo final que se celebrará o luns 15 de xaneiro de 2018. A data de caducidade da tarxeta que conteña os códigos gañadores é de quince días ao remate da campaña.
Os tres primeiros premios entregaranse nun acto público que terá lugar no Concello. Os organizadores poranse en contacto con todas as persoas que resulten premiadas.
INCREMENTO DO CONSUMO
O presidente de Aempe, José María Corujo, comentou que a "señorita Ana" animou as vendas de produtos de inverno, en referencia á borrasca que irrompeu nas Rías Baixas a pasada fin de semana e que deu paso a unha semana de vento, frío e choiva.
Para esta Nadal Aempe espera un aumento no gasto en consonancia co incremento no consumo detectados en anteriores etapas de descontos.
O consumo no comercio local permanecía "bastante parado" desde o Black Friday, segundo apuntou a vicesecretaria de Aempe, Conchi Pereiro, porque o consumidor adapta as súas compras á existencia de diferentes campañas.
Tamén "el señor online" está a cambiar os hábitos de compra do público, segundo sinalou Corujo que instou aos empresarios locais a "ponerse un poco al día" e sumarse a este forma de comercio que é "imparable" e " quien está evolucionando en esta línea ya está viendo resultados".
José María Corujo tamén cre que "se amortiza y mucho" outra fórmula para incentivar as compras como o despregamento feito no Concello de Vigo gastando 635.000 euros coa iluminación do Nadal e outros 135.000 euros na adquisición de figuras e vexetación do Nadal. "Me parece una idea estupenda", engadiu o presidente de Aempe que trasladou o seu desexo de que o Concello de Pontevedra "corrija las deficiencias del alumbrado".