A Deputación xestionará o CITA integrándoo no Museo
Por Oskar Viéitez
O traspaso está "moi avanzado" segundo confirmaron o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que deron por feito que Museo provincial asumirá a xestión do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).
Louzán sinalou que existe "moi boa disponibilidade" por parte do grupo de goberno local para levar a cabo esta cesión.
O CITA atópase na área de xestión que asume o concelleiro nacionalista, Luís Bará. O Concello incluía este traspaso dentro do plan de racionalización do gasto municipal.
Tamén está en marcha a posibilidade de coordinar os espazos turísticos da cidade. Segundo afirmou Louzán "non parece moi de recibo que haxa tres oficinas de turismo na cidade. Hai que unificar". Neste sentido, parece que Deputación chegou a un acordo coa Directora Xeral de Turismo da Xunta, Nava Castro.
Pola súa banda, o alcalde Fernández Lores sinalou que o Concello tiña un acordo coa Xunta anterior "as cousas van e veñen, e cónstame que a concelleira de Turismo esta tendo negociacións a dúas bandas" dixo en referencia ás conversas que ten en marcha a concelleira socialista, Carlota Román.
O concello centraliza na Casa da Luz a súa oferta de información turística, tanto a da empresa municipal como a da Mancomunidade Terras de Pontevedra.
Louzán insistiu en que é necesario "racionar, coordinar, simplificar e profesionalizar toda a promoción turística da cidade".