Carmela Silva reclama que a rehabilitación do patrimonio histórico só a fagan persoas tituladas
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu este mércores aos actos de celebración da festividade de Santa Lucía, patroa da Escola de Cantería, onde reclamou "unha lei que diga claramente que a rehabilitación do patrimonio histórico teña que facerse por persoas tituladas con formación, pois non estamos a facer ben as cousas se non é así".
Carmela Silva deixou claro que "é inxusto que xente altamente cualificada como estes canteiros e canteiras e estes mestres canteiros e mestras canteiras que traballan a pedra con mimo e coñecemento teñan que ser contratados a través de subcontratas, co único obxectivo de pagarlles menos do que merecen, e moitas veces eses traballos que deberían realizar verdadeiros e verdadeiras profesionais o fagan persoas que non teña a formación axeitada".
Por estes motivos, a presidenta da institución provincial demandou "que haxa unha norma que conste na lei de patrimonio histórico que regule os traballos de rehabilitación da pedra", xa que "non pode ser que a rehabilitación da pedra de lugares emblemáticos como a catedral de Santiago a fagan persoas que non teñan acreditada a súa capacitación para facer ese traballo".
Amais de reivindicar o propio traballo dos canteiros, a presidenta tamén reclamou a oficialidade dos títulos ofertados pola Escola de Cantería porque "é fundamental porque se fose así habería máis oportunidades de emprego para traballar para as institucións públicas ou no sector privado".
Ao fío desta reclamación, recordou que "no orzamento do 2018 vai unha partida para adaptar o edificio ás condicións que se exixen para que podamos tramitar o recoñecemento deste título que aínda non entendo como non o temos recoñecido, pois unha profesión como esta, tradicional, histórica, propia da nosa esencia como galegos debería estalo. Estou convencida de que isto non acontecería noutro sitios".
Relacionadas:
-
A Escola de Canteiros esixe a Educación a homologación dos títulos dos seus alumnos
Por David Arana & Paula Sanmartín |
-
Un ex alumno da Escola de cantería traballará na rehabilitación do Palacio de Westminster e do Big Ben
Por Redacción |
-
Unha das dez mellores universidades de Xordania interésase pola Escola de Cantería
Por Redacción |
-
Botou a andar un novo curso da Escola de Cantería
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería busca o próximo Mestre Mateo
Por Noticia patrocinada |