Sanxenxo pon en marcha un plan de recollida selectiva nos mercados
Por Redacción
A concellería de medio ambiente do Concello de Sanxenxo pon en marcha un plan de recollida selectiva de residuos nos mercados.
Para isto, o próximo día 30 de decembro instalaranse colectores para refugallos biodegradables que proceden dos restos da carne e o peixe en cada un dos mercados do municipio, Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga.
Esta recollida levará a cabo tres días á semana durante o inverno, os martes, xoves e sábados. E durante o verán farase de martes a sábado.
O obxectivo é dar un paso máis na diferenciación dos residuos, xa que teñen que ser recollidos dunha maneira especial, polas súas características particulares.
Son unha fonte de cheiros pouco desexables e un foco de atracción de insectos e roedores. Ademais, a porcentaxe de humidade, que é moi elevado, e a súa acumulación dá lugar a un punto de insalubridade.
Para poder levar a cabo esta iniciativa, por imperativo legal, creouse unha taxa que foi publicada este martes no BOP. Trátase dunha tarifa, de 9 euros por posto no mercado, que permita a recollida de restos nun colector específico.
O concelleiro de medio ambiente, Juan Antonio Deza, explica que esta iniciativa "busca poñer punto e final aos malos cheiros que provoca que os restos orgánicos se depositen nos colectores que están no exterior dos mercados".