Detido por agredir á súa muller e tentar golpeala cunha bombona de butano
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo este mércores un veciño da cidade de 29 anos como presunto autor dun delito de violencia de xénero por agredir á súa parella causándolle unha brecha na cabeza e tentar golpeala cunha bombona de butano.
Segundo informou a Policía Local, a presunta vítima, de 31 anos, chamounos indicando que a súa parella agredíraa no domicilio no que convivían e, a continuación, marchou de casa.
Os axentes desprazáronse á vivenda e, á súa chegada, a muller contoulles que a súa parella chegou borracho a casa e agrediuna. Mostroulles, ademais, as feridas que lle provocou. A muller presentaba unha ferida na testa, un ollo morado e refería fortes golpes en distintas partes do corpo.
No domicilio estaban nese momento dous menores de 4 e 8 anos, de modo que esperaron a que chegase un familiar para facerse cargo deles e, a continuación, a muller foi trasladada en ambulancia a un centro hospitalario.
En canto ao home, foi localizado pouco despois por unha patrulla da Policía Local na rúa Serra. Tiña unha ferida na man e manchas de sangue e negou que agredise á súa parella no domicilio. Si recoñeceu que discutira coa muller por teléfono, pero nada máis.