A adquisición dun dron intensifica as actuacións contra a vespa velutina en Marín
Por Redacción
A adquisición dun dron por parte dun dos socios da Asociación Defensora dos Polinizadores en Galicia (Depolgal) permitiu a este grupo erradicar algúns niños de vespa velutina nos que antes non se podía actuar pola dificultade que supoñía, sexa pola situación na árbore, altura, ocultación, entre outras causas.
Segundo informou a Concellería de medio ambiente do Concello de Marín, desde o día 6 de decembro e ata este mércores foron destruídos 49 niños de avespas asiáticas cunhas dimensións que ían desde os 30 aos 70 centímetros de diámetro.
Unha das sorpresas máis salientables coas que se atoparon os técnicos foi a presenza de crías en todos os estados, ovo, larva, pupa e por suposto avespas. O temporal e o frío fixeron estragos nestes niños, non obstante, moitos tiñan actividade e seguían co desenvolvemento do seu ciclo biolóxico máis aló do estimado.
Houbo actuacións nas parroquias de Santo Tomé de Piñeiro (O Pozo, Cadro, Cadrelo, Igrexario, Cernello, Allariz, Esperela), Ardán (Teoira, Cabodevila, Casas, Moledo, Xermade), Seixo (Bexa, A Torriña, Aguete, Vial de Praias, Loira), Mogor (San Xurxo, Vagüín, Montiño), Santa María do Porto (Ezequiel Massoni, Granxa de Briz, República Argentina, Inferniño, Recamán), San Xulian (Pardavila, Igrexario, Carballal, A Grela, Bravos, Viñas Blancas, Cidrás, Moreira, Ruanova) e Santa María do Campo (Ameal, A Torre, Xanin, As Pradeiras, no Muiño de Garrido, no de Muiño de don Benito, no Muiño das Praderias, no lugar do Coto, Ruanova, Currás,), máis intensamente na cercanía dos ríos e fontes de auga.
Aproveitando estes días festivos os voluntarios, ao non traballar nos seus respectivos oficios, ocupáronse plenamente na destrución dos niños pendentes de retirar, reducindo considerablemente o número deles nun corto prazo de tempo.
Este mesmo mércores chegoulles unha chamada pedindo a retirada dun niño situado na copa dun eucalipto e do que se deron conta da súa existencia ata cando o foron botar abaixo.
Foron, en total, 377 avisos os que se recibiron desde o mes de xaneiro do ano 2017 e foron retirados 271, 14 neutralizados (sen retirar niño por estar moi alto), 62 replicados (avisos polo mesmos niños), todos ellos repartidos entre as sete parroquias de Marín.
Cara a primavera do vindeiro ano, desde esta concellería tense programado un plan de choque e prevención contra esta especie invasora mediante charlas informativas, trampeo, seguimento da especie, estudo e investigación, adquisición dos medios para estes obxectivos e apoiar aos voluntarios para que prosigan con esta labor medioambiental.
Desde a Concellería de Medio Ambiente felicitan aos membros da Asociación Depolgal, pola súa loita contra a vespa velutina e animándolles a proseguir co mesmo tesón este labor en beneficio de todos.