A Deputación acorda con Amigos da Terra o control dos composteiros individuais de Vilaboa
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación aprobará tres novas medidas relacionadas co Plan de Compostaxe Revitaliza, segundo anunciaba este xoves o vicepresidente provincial César Mosquera.
Está previsto que se adquiran outros 400 composteiros comunitarios, duplicando a cifra actual, para dar cobertura aos 29 concellos da provincia adheridos ao Plan e, que se prevé que aumenten proximamente en seis ou sete máis, segundo afirmaba Mosquera.
Tamén se comprará 1.500 composteros individuais para repartir entre os diferentes Concellos e ademais vai asinarse un convenio de colaboración entre a institución provincial e o colectivo ecoloxista Amigos da Terra para que os seus integrantes se encarguen de realizar un seguimento dos traballos de compostaxe individual en Vilaboa. César Mosquera explicaba que atender todos os domicilios leva moito tempo e o obxectivo é pactar acordos con asociacións destas características para que leven a cabo ese traballo. A asociación xa desenvolvía en Vilaboa algunhas actuacións e aproveitarase a súa presenza para potenciar a implantación do sistema de compostaxe e realizar ao redor de seis visitas ao ano a cada domicilio. O convenio asinarase por dous anos cunha achega máxima de 80.000 euros.
Mosquera avanzou tamén que teñen previsto formar a outros 25 mestres composteiros máis ao longo dos próximos meses a través dun curso. Sumaranse aos 35 actuais. Ademais, o máximo responsable do Plan de Compostaxe engadía que se están analizando as mostras de compost e os resultados son enviados tanto ao Ministerio como á Consellería de Medio Ambiente. As analíticas, segundo expuxo Mosquera, ofrecen uns resultados magníficos cumprindo todos os parámetros.
Desde a Deputación considérase que o resultado do Plan está a ser óptimo e que as causas polas que hai Concellos que non se adhiren a esta proposta se debe a dificultades contractuais cos servizos de limpeza ou porque contan con gando e a contribución de materia orgánica para os composteros sería escasa, pero descarta que sexa por "motivos políticos".
Mosquera asegura que no Concello de Vilaboa con tan só tres composteiros comunitarios xa se logrou baixar un 10% a factura de Sogama.
Relacionadas:
-
Novo impulso á compostaxe en Vilaboa para situarse á vangarda europea en xestión de residuos
Por Diego Espiño |
-
"Compostar é un chanzo máis do que xa facemos co cartón e o plástico"
Por Noticia patrocinada |
-
"A compostaxe ten que ser unha aposta xeralizada. O futuro vai por aí"
Por Noticia patrocinada |
-
Empeza a conta atrás para que os concellos se adhiran ao Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
A Deputación abre a porta para instalar composteiros en terrazas na terceira fase do Plan Revitaliza
Por Natalia Puga | Creada e actualizada