Un veciño de Caldas enfróntase a 10 anos de prisión e 10 máis de liberdade vixiada por abusar dun menor
Por Natalia Puga
Un veciño de Caldas de Reis, de nome Adrián, sentou este martes no banco dos acusados da Audiencia de Pontevedra como presunto autor dun delito de abuso sexual a un mozo de 12 anos co que mantiña unha relación de amizade. El sostivo a súa inocencia, pero a súa presunta vítima insistiu na acusación e mesmo declarou na sala que os feitos foron máis graves dos inicialmente denunciados.
A Fiscalía acusábao nun primeiro momento por bicar algunha vez na boca e realizar proposicións obscenas ao menor cando ambos estaban nun coche no medio dun monte de Caldas xunto a outro menor e o outro saíu do vehículo. Na súa declaración, que realizou tras un biombo, o menor foi máis aló e asegurou que ese día deulle varios bicos e tamén houbo penetración.
Tras escoitar o relato do menor e valorar a "verosimilitud" do testemuño, a fiscal do caso, Marta Alonso, decidiu aumentar a acusación. No seu escrito de acusación inicial reclamaba que fora condenado a catro anos e medio de prisión, pero logo modificouno para reclamar dez anos de prisión, outros 10 de liberdade vixiada, que se someta a un curso de reeducación e 12 anos de orde de afastamento. Ademais, aumentou a 6.000 euros a indemnización que considera que debe pagar á súa vítima.
A acusación particular que exerce a familia do acusado considera que o acusado debe ser condenado polo delito de abusos, pero nun concurso medial con outro de ciberacoso mentres que a defensa incide na inocencia do seu cliente e considera que, en todo caso, subsidiariamente, se o tribunal decide condenalo, debería aplicar a circunstancia atenuante de dilacións indebidas.
O acusado ten un antecedente penal por un delito de abuso sexual a menores de idade. En decembro de 2013 o Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra condenouno a 12 meses de multa por un delito de acoso sexual, dous anos de prisión por un delito de abuso sexual a unha vítima menor de idade e un ano de prisión e cinco anos de afastamento por un delito de distribución de material pornográfico coa voz ou a imaxe de menores de idade ou incapaces alterada.
Os feitos xulgados este martes ocorreron entre decembro de 2013 e xaneiro de 2014 e a defensa critica que o menor non revelou a gravidade dos feitos ata a súa chegada ao xuízo a pesar de que non dixo tales acusacións nin no cuartel da Garda Civil cando acudiu coa súa nai para denunciar nin en todas as diferentes declaracións na fase de instrución. Na súa opinión, con esta actitude xerou unha situación de indefensión ao acusado.
Fronte á crítica da defensa, insiste en que o menor relatou perfectamente na súa declaración o motivo de que nestes anos non comentase algunhas das acusacións. "No lo dijo por vergüenza, porque no quería que le llamasen maricón", indicou a representante do ministerio público, que considera que o testemuño do mozo é suficiente para desvirtuar a presunción de inocencia do procesado.
Ademais, fai referencia a informes periciais que consideran compatible o relato do mozo con que fose vítima de abusos sexuais e reprocha a actitude do procesado, que nese encontro co menor nun monte de Caldas faloulle de bisexualidade e todos os seus actos tiveron unha natureza sexual.