Poio recibe unha nova máquina para limpar as súas praias
Por Redacción
As praias de Poio contarán, a partir de agora, cunha nova ferramenta para que estean sempre en óptimas condicións. Trátase dunha máquina para limpar as praias, que se adquiriu cunha achega de 49.000 euros por parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O material foi entregado este martes ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, por parte do deputado provincial Santos Héctor.
Santos Héctor subliñou que este plan "está para resolver as necesidades dos concellos, dándolles autonomía", e que esta máquina limpa praias era unha necesidade de Poio "que vai quedar moi ben cuberta".
Na mesma liña, o alcalde destacou que era un investimento que precisaba o concello, xa que nos últimos anos "botamos de menos tela en propiedade", especialmente durante o verán.
Poio xa recibiu o 100% das achegas que lle corresponden ao abeiro do Plan Concellos, por valor de 1.008.010,77 euros.