A cabezazos cun home que non lle quixo dar un cigarro na Ferrería
Por Natalia Puga
Un home de 64 anos tivo que ser atendido e trasladado ao hospital este martes tras sufrir unha agresión en plena praza da Ferrería de Pontevedra. Segundo puido saber PontevedraViva, foi agredido por un home ao que acababa de negar un cigarro.
Todo ocorreu sobre as 8.45 horas deste martes. O home camiñaba pola Ferrería cando se lle achegou un individuo que aínda non foi identificado e pediulle se podía darlle un cigarro. Cando se negou, propinoulle varios cabezazos.
Como consecuencia da agresión na cabeza, resultou ferido e tivo que ser atendido xa na propia praza da Ferrería por unha ambulancia do 061. A continuación, trasladárono ao hospital.
En canto ao agresor, foise do lugar inmediatamente. Ata o lugar trasladouse unha patrulla da Policía Nacional, que se fixo cargo da investigación. Fontes policiais consultadas indicaron que o presunto agresor non foi localizado nin tampouco identificado.