O furto dunhas pedras valoradas en 1 euro acaba no xulgado
Por Alejandro Espiño
Ás veces resulta difícil xustificar que un caso como o que analiza esta noticia acabe chegando aos tribunais de xustiza. Trátase do furto que se lle achacaba a un ancián de 82 anos que, o pasado mes de xuño, foi sorprendido pola Policía Local enchendo unha bolsa coas pedras que decoran a rotonda da ponte das Correntes, na avenida de Uruguai.
A acción, no seu día foi gravada polas cámaras da Policía Local, que acabou identificando o autor tras a denuncia presentada por unha testemuña. As pedras foron recuperadas e instaladas de novo no seu emprazamento orixinal.
Os servizos técnicos municipais valoraron en 1,08 euros as pedras subtraídas, un diñeiro que non se perdeu ao recuperarse as pedras. Ademais, confirmaron que a súa recolocación no sitio non xerara gasto algún.
Con esta información, o Concello desestimou exercitar acción algunha contra o ancián ou reclamar esa cantidade de diñeiro. Pero aínda así, o proceso seguiu o seu curso e o home acabou sendo xulgado por un delito de furto.
O despropósito foi aínda maior. A Fiscalía non propuxo ningunha proba e solicitou a absolución do ancián, que nin sequera acudiu ao xuízo.
Ao final, o xulgado de instrución número 2 de Pontevedra terminou por absolvelo.
Para chegar a esta resolución -por unhas pedras valoradas en 1 euro e que foron devoltas-, desde que tentou subtraer as pedras pasaron máis de cinco meses de trámites.