Falece un pontevedrés nun accidente de tráfico en Mallorca
Por Redacción
Un mozo de orixe pontevedresa de 34 anos faleceu na noite deste domingo nun accidente de tráfico rexistrado en Palma de Mallorca, lugar onde tiña fixada a súa residencia.
O mozo era traballador do aeroporto de Palma e, segundo publica Diario de Mallorca, foi arroiado por un coche cando trataba de cruzar a calzada por un desvío da terminal, na saída cara á autoestrada de Llucmajor.
O atropelo produciuse ao redor das 21.10 horas deste domingo e o mozo faleceu no acto. A pesar de que se desprazaron ao lugar os servizos sanitarios, xa non puideron facer nada por salvar a súa vida.
Segundo publica o xornal Última Hora de Mallorca, o mozo foi arroiado por un turismo Seat Ibiza que tratou de esquivalo sen éxito. Detrás deste automóbil circulaba un BMW que freou en seco, pero acabou encaixándose contra o primeiro vehículo. Dúas mulleres, que circulaban cada unha nun dos coches implicados, resultaron feridos.