A CIG denuncia o ataque "sen precedentes" da patronal da construción
Por Oskar Viéitez
A Federación de Construción e Madeira da CIG vén de denunciar o ataque "sen precedentes" que, ao seu xuízo, supón a impugnación por parte da patronal estatal do convenio provincial de construción de Pontevedra.
Na central advirten das posibles consecuencias da impugnación do convenio que viña de ser asinado entre a CIG e a patronal provincial APEC e que contemplaba unha mellora "en asuntos importantes aos que o convenio estatal non é quen de dar resposta" como é o control da temporalidade na contratación, así como blindaba a subrogación das actividades de conservación e mantemento de estradas ou vías férreas.
A CIG-Construción critica as sucesivas reformas laborais de PSOE e PP no que a negociación colectiva se refire, "pois tenta priorizar o marco negociador estatal coa conivencia das patronais e UGT e CCOO, centralizando en Madrid a negociación colectiva e impedíndonos acadar melloras nos convenios colectivos provinciais".
Anuncian que se recorrerá a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que estima parcialmente a impugnación
Para a central nacionalista esta manobra "recentralizadora" é unha "intromisión inaceptable" e "vergoñenta" que deixa "provisionalmente" en cuestión algúns dereitos e melloras significativas pactados no convenio de Pontevedra. Por iso, a federación de Construción anuncia que" vai ser oportunamente contestada coa máxima contundencia" e anuncian que se recorrerá a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que estima parcialmente a impugnación.
Xunto a isto anuncian a posta en marcha dunha campaña destinada a sensibilizar e mobilizar á clase traballadora galega "contra este ataque dirixido desde Madrid contra os seus intereses, mais tamén para que o empresariado reaxa contra unha patronal estatal que os menospreza e ningunea até tal punto de torpedear as súas propias decisións".