As Rías Baixas rexistraron unha ocupación media do 50% durante a ponte da Constitución
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer este luns en rolda de prensa os datos definitivos da ocupación hoteleira durante a pasada ponte de decembro que "pese ao temporal" ascenderon ao 50% nas Rías Baixas.
As porcentaxes de ocupación rexistradas durante esta ponte foron superiores ao ano 2016, máis en concreto dez puntos por riba que durante o mesmo período do ano anterior, cando a ocupación hoteleira fora do 40%. Estas cifras sitúan a este 2017 como "o mellor ano turístico da última década", valorou Silva.
A presidenta provincial asegurou que as estimacións previstas por Turismo Rías Baixas superáronse nas comarcas de Vigo e en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Deste xeito, "en Vigo agardábamos un 52% de ocupación e obtivemos un 54% e para Deza e Tabeirós-Terra de Montes estimábamos un 35% e obtivemos un 49%".
Para o resto das comarcas a ocupación definitiva situouse no 71,64% no Salnés, no 61% en Pontevedra, no 32,5% no Morrazo, no 71% en Caldas, no 30,5% no Baixo Miño e no 30% nas comarcas do Condado e A Paradanta.
En canto ao turismo rural, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que as estimacións foron superadas "xa que agardábamos unha ocupación media do 32% e acadamos o 35,15%, 25 puntos máis que no 2016".
PLAN ESTRATÉXICO DE TURISMO
Carmela Silva adiantou que "previsiblemente o día 19 de decembro imos presentar o Plan Estratéxico de Turismo que vai ser aprobado no pleno deste mes". O goberno provincial dará a coñecer nesta presentación as liñas estratéxicas e as accións concretas que vertebrarán a promoción turística da nosa provincia nos vindeiros anos.
Relacionadas:
-
A fin de ano achegouse a un 60% de ocupación hoteleira na provincia
Por Redacción |
-
A Deputación presenta o Plan Estratéxico de Turismo para o próximos tres anos
Por Oskar Viéitez |
-
As oficinas de Turismo Rías Baixas de Pontevedra e Armenteira reeditan a súa 'Q' de calidade
Por Redacción |
-
Os datos desta ponte avalan o crecemento de Sanxenxo na tempada baixa
Por Oskar Viéitez |
-
As Rías Baixas esperan unha ocupación turística do 64% esta ponte
Por Redacción |