As brigadas da Deputación resolveron máis de medio cento de incidencias en apenas 12 horas
Por Oskar Viéitez
As brigadas de mantemento das estradas da Deputación de Pontevedra resolveron en apenas 12 horas máis de medio centenar de incidencias nas vías provinciais provocadas polo temporal "Ana".
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou este luns que desde primeira hora da mañá do domingo a administración provincial habilitou un gabinete de crise e reforzou os servizos das brigadas con oito efectivos máis engadidos aos 13 de garda que permitiron, entre outras cuestións, "garantir unha segunda saída nos parques do Porriño, Morrazo e Ribadumia, en coordinación co 112 e o servizo provincial de emerxencias de Pontevedra".
As equipas do departamento de Mobilidade estiveron traballando arreo dende as dez da noite do domingo por chamadas de urxencia e trasladáronse a ata 30 concellos da provincia, sendo o máis afectado o municipio de As Neves, onde se produciron desprendementos de terra que bloquearon o tránsito rodado na estrada EP-4006 (á altura de Barreiros) e na EP-4202 en Rubiós.
Por outra parte, na zona do Morrazo foi preciso cortar ao tránsito rodado a estrada provincial de acceso á praia de Loira pola caída do tendido telefónico. As brigadas non puideron mover da calzada os postes e deron aviso á compañía telefónica, que deu orde de solucionar a incidencia.
Tamén no Morrazo os efectivos do parque de bombeiros realizaron un total de 11 saídas, dous achiques de auga por inundacións, unha actuación nunha cheminea e outra por mor dun desprendemento da cuberta dun edificio en Marín, que mantén este luns efectivos revisando e avaliando os riscos.
Os bombeiros dos parques do Salnés tiveron que atender un incendio nunha carpintería do Grove, actuando nunha caldeira e no anexo. Amais, tamén tiveron que arranxar desprendementos do alumeado de nadal situado nas vilas da comarca e realizar limpezas nas vías dos restos do temporal.
Durante a fin de semana estiveron de garda as tres brigadas habituais (norte, sur e centro), que tiveron que ser reforzadas a noite pasada por outras dúas na zona norte e na zona sur. Así mesmo, na mañá deste luns estiveron operativas as nove brigadas existentes, que realizaron percorridos polas estradas a raíz de avisos do servizo de Vixilancia da Deputación, así como dos capataces e vixilantes de zona.
Pola tarde estaba previsto continuar coas actuacións, sobre todo na zona sur, xa que segundo os técnicos haberá traballo de limpeza e acondicionamento para toda a semana. Estanse a vixiar principalmente as zonas de augas máis conflitivas para evitar asolagamentos, arrastres de terras e desbordamentos, así como limpando as marxes das calzadas para evitar taponamentos de sumidoiros e taxeas derivados das caídas de follas, polas e outros materiais.
CASTELO DE SOUTOMAIOR
A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu a coñecer os danos que sufriron os xardíns do castelo de Soutomaior, "notablemente afectados pola cicloxénese". Máis polo miúdo, Silva destacou que "caeron e son irrecuperables oito cipreses de San Xoán, un abeto, un camelio, dous cedros e un carballo e hai soltas numerosas ramas de cedros, sequoias e abetos que nos fan aconsellable o peche dos xardíns ata o xoves, polo perigo que supón para as persoas visitantes".
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras pide menos louvanzas e máis melloras para as brigadas provinciais
Por Oskar Viéitez |
-
As brigadas provinciais atenderon preto de 600 incidencias en 2017
Por Redacción |
-
Obras de emerxencia en Campo Lameiro para corrixir un afundimento na estrada provincial
Por Redacción |
-
A Xunta revisará integramente a pasarela de madeira do paseo da Lanzada
Por Oskar Viéitez |
-
O temporal levanta o paseo de madeira da Lanzada
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Desbordamento do río Verdugo en Ponte Caldelas e na Lama
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O temporal provoca danos e asolagamentos en diferentes puntos de Pontevedra
Por Diego Torrado | Creada e actualizada
-
A borrasca obriga a suspender o último día de celebración da RaxoFesta
Por Redacción |
-
Nivel de alerta vermella ante os fortes ventos de Ana, a cicloxénese explosiva que zorrega Galicia
Por Redacción |