Un atracador asalta a gasolineira de Salcedo a punta de pistola: "Fue tan rápido como horroroso"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A encargada da gasolineira situada na estrada N-550 na parroquia pontevedresa de Salcedo tardará en recuperarse da experiencia que viviu este luns. Estaba na oficina da estación de servizo cando un home coa cara totalmente tapada e armado cunha pistola apareceu de súpeto, pediulle o diñeiro e marchou con toda a recadación tan rápido como chegara.
"Fue tan rápido como horroroso", relata a muller, que prefire permanecer no anonimato porque xa sufriu bastante este luns. Todo ocorreu sobre as 9.15 horas e durou apenas uns segundos nos que non conseguiu reaccionar nin quedar con ningún detalle que permita dar co atracador.
A Policía Xudicial da Policía Nacional de Pontevedra mantén aberta unha investigación para aclarar o atraco e, ata o momento, non conseguiu localizar ao asaltante, que fuxiu a pé tras levar unha cantidade de diñeiro que suma varios miles de euros, a recadación do negocio desde o venres. Si contan coa gravación das cámaras de seguridade do establecemento, pero aínda non lle identificaron, segundo indicaron fontes oficiais da Comisaría.
A esa hora había na gasolineira tres empregados e ningún cliente. De súpeto, sentiron que caíra un depósito da zona exterior, de modo que dúas deles acudiron a recollelo e a encargada quedou na oficina. Estaba soa cando, de súpeto, levantou a cabeza e "ya estaba allí".
Levaba unha pistola na man, luvas e a cara tapada, de modo que a vítima non puido ver nin como era. Tan só foron necesarias seis palabras e a pistola para conseguir levar o cuantioso botín: "El dinero, ¿dónde está el dinero?" e a encargada, asustada e tremendo, non tivo outra opción que entregarllo.
"Ya no me dio tiempo a más, del susto ya no me dio tiempo...", lamentába horas despois, "en ese momento, yo no vi nada, me eché hacia un lado". Tras iso saíu correndo, coa recadación dos tres días e deixando atrás un reguero de pánico. Segundo lles indicou un condutor, saíu correndo e dirixiuse cara a unha zona de casas de Salcedo, pero, a pesar de que a Policía Nacional chegou en cuestión de minutos, xa non conseguiron dar con el.
Esta é a primeira vez que asaltan a esta traballadora, que leva na gasolineira de Salcedo desde o mes de febreiro, e quedou moi asustada. " "Todavía estoy temblando. Estoy trabajando pero para no pensar mucho", relatou a PontevedraViva tres horas despois do suceso. Non esquecerá nunca eses poucos segundos: "es así, vienen, te atracan y ya está, son 30 segundos en los que pasa todo".