Un accidente entre catro turismos á saída da AP-9 en Caldas remata sen feridos
Por Redacción
Catro vehículos víronse involucrados nun accidente de tráfico que se rexistraba ao redor das 20.00 horas deste sábado na contorna do quilómetro 106 da autoestrada AP-9 no tramo entre Pontevedra e Santiago de Compostela, á altura de Caldas de Reis.
Por causas aínda por esclarecer, un dos turismos perdeu o control e impactou contra a varanda. Os outros tres vehículos non puideron manobrar para evitar o choque.
A pesar da aparatosidade do sinistro, non se rexistraron feridos, segundo informan desde Protección Civil de Caldas de Reis. O accidente obrigou a cortar un dos carrís para retirar aos vehículos.
Axentes da Garda Civil de Tráfico, unha ambulancia do 061 e membros de Protección Civil achegáronse ata o lugar para regular a circulación e atender aos ocupantes dos turismos.