O sábado sáldase con dous accidentes contra postes da luz nas Rías Baixas
Por Redacción
Un home sufría feridas leves este sábado 10 en Sanxenxo despois de que o turismo que conducía saíse da estrada e impactase contra un poste de luz e finalmente cun valo.
O accidente, segundo fontes municipais, producíase na rotonda da parroquia de Vilalonga e no turismo só viaxaba un ocupante. Ata o lugar trasladábanse os servizos de emerxencias de Sanxenxo.
ACCIDENTE EN MARCÓN
Por outra banda, ao redor das 14.30 horas desta xornada, unha veciña do lugar da Hermida, na parroquia de Marcón, en Pontevedra, solicitaba asistencia ao servizo de emerxencias do 112 Galicia ao saírse un vehículo da vía e golpear contra o peche do seu domicilio. Tamén neste caso, o turismo golpeou contra o poste do tendido eléctrico, que resultou danado.
Os ocupantes lograron saír polos seus propios medios do interior do vehículo. O persoal do 112 pasou aviso ao 061, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local. Tamén trasladou a información aos Bombeiros e a efectivos de Protección Civil. Ademais, alertouse á compañía eléctrica que abastece á parroquia para dar parte dos danos no poste de luz.