Interceptan un buque con droga a poucas millas de Marín
Por Diego Torrado
Unha operación contra o narcotráfico logrou interceptar a escasas millas de Marín un barco pesqueiro que transportaba unha importante cantidade de droga. O buque, que ten o nome de 'Templario', foi trasladado ata o porto marinense onde está a ser inspeccionado polas forzas policiais en busca do alixo.
Segundo fontes da investigación, a cantidade que trasladaría esta embarcación situaríase sobre as dúas toneladas de cocaína.
Trátase dunha operación conxunta na que participan a dirección adxunta de Vixilancia Aduaneira (DAVA), o equipo contra o crime organizado da Garda Civil (ECO) e a Policía Nacional.
O barco ten bandeira panameña e procedería do porto de Barranquilla en Colombia coa intención de realizar a descarga no Porto de Marín.