Tratamento antiescorregadizo para evitar accidentes en catro estradas do Salnés
Por Redacción
Durante os últimos días finalizaron os traballos en catro estradas da comarca do Salnés ás que se dotou dun novo tratamento antiesvaradío para tentar evitar accidentes de tráfico.
O obxectivo era aumentar a adherencia da plataforma para os vehículos mediante unha nova capa de tratamento que evite os esvaramentos incrementando a seguridade viaria, segundo explicaba o deputado de Mobilidade Uxío Benitez.
Os servizos técnicos da Deputación decidiron que estas actuacións debían acometerse na EP-9103 entre Rampa-Meloxo, no Concello do Grove; na EP-9305 entre Coirón-Ribadumia-Leiro, no Concello de Meaño e no Concello de Meis nas estradas EP-9402 entre Mosteiro e Barrantes e na EP-9405 entre San Martiño-Armenteira-Busto. En todos estes casos, o firme necesitaba unha mellora.
O orzamento para os traballos no que se inclúe a nova sinalización horizontal ascende a 53.259 euros e tamén se estenderán a tramos de estradas de Mos e A Cañiza.
Para 2018 está previsto un orzamento de 4,4 millóns de euros para o Plan de Rehabilitación de firmes de toda a provincia. Na zona do Salnés e parte de Caldas destinaranse 699.868 euros e afectará a, entre outros concellos, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía, Vilanova e a Illa de Arousa.