O Concello de Sanxenxo gasta 84 euros por veciño en política social
Por Redacción
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais de España acaba de facer público un estudo sobre o gasto por habitante en política social dos máis de 8.000 concellos de España.
Este estudo clasifica o gasto en catro niveis:
- Excelente se o concello gasta máis de 100 euros por habitante
- Medio cando o gasto está por encima dos 66 euros por habitante
- Precario cando o gasto está por baixo dos 50 euros por habitante
- Pobre cando o gasto está por baixo dos 39 euros por habitante
Segundo os datos ofrecidos polo goberno local, o Concello de Sanxenxo gasta en política social 1.444.613 euros ao ano. Dentro desta cantidade destacan os 496.886 euros que custan as dúas garderías municipais, os 314.037 euros do Servizo de Atención no Fogar, os 206.370 euros do Centro de Día e os 424.872 euros que se gastan entre o soldo do persoal de servizos sociais, o taller de memoria, a actividade física para maiores, os programas de emerxencia social e outros gastos. En todas estas cantidades non están incluídas as achegas dos usuarios dos servizos.
O goberno local apunta que se dividimos o 1.444.613 euros gastados no 2016 entre os 17.314 habitantes dese mesmo ano dános un gasto anual de 84 euros por veciño, polo que conclúen que "Sanxenxo está por encima do gasto medio dos concellos que é de 66 euros por habitante". En concreto, 18 euros máis por habitante por encima da media, pero 17 euros por baixo de alcanzar o nivel excelente que é el que teñen os concellos que superan os 100 euros por habitante.
Segundo o estudo feito público a semana pasada polas directoras e xerentes de servizos sociais a cidade de Pontevedra gasta 35 euros por habitante e a de Vigo 42 euros.
"Sanxenxo gasta, por tanto, o dobre que estas dúas cidades e debemos felicitarnos por iso", di o bipartito nun comunicado. "Pero quédanos camiño por percorrer para alcanzar o nivel de excelencia que teñen 25 concellos de España e estamos moi lonxe dos máis de 250 euros por habitante que gastan os concellos de Renteria e Santurce, que encabezan o ránking nacional", conclúen.