A brigada de augas de Marín emenda varias avarías na rede de abastecemento
Por Redacción
Os operarios do servizo municipal de augas do Concello de Marín tiveron traballo nas últimas xornadas con varias avarías que afectaron a subministración de auga dos veciños.
A primeira das incidencias produciuse o mércores na Barriada Virxe do Carme, tras alertar os propios veciños á Policía Local da existencia de auga na estrada. A brigada detectou unha avaría na tubaxe de subministración á altura do parque infantil desta urbanización.
Esta circunstancia obrigou a cortar a subministración das 0:00 horas da madrugada do xoves ata que á primeira hora da mañá puideron iniciarse os traballos de reparación.
Ademais coincidindo no tempo tívose coñecemento doutra avaría, esta vez na rúa República Arxentina, zona na que o servizo quedou restablecido á primeira hora deste xoves.
Os cortes de auga tamén se deberon ás obras que se están realizando no camiño da Cortiña para asegurar o sostemento da estrada na zona pegada ao río.