Os datos desta ponte avalan o crecemento de Sanxenxo na tempada baixa
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Sanxenxo asegura que o mito de que os hoteis de Sanxenxo non son rendibles na tempada baixa vai caendo cada ano que pasa, grazas ao esforzo e a constancia de hostaleiros moi profesionais.
Segundo os datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística, en outubro Sanxenxo sumou máis de 80.000 pernoitas, cunha ocupación media do 61%, que as fins de semana alcanzou o 70%. Son datos dos establecementos que permanecen abertos, que cada ano son máis.
Desde o Concello recoñecen que o tempo seco foi un factor que contribuíu, "pero seguir afirmando que o clima é a única variable que inflúe na decisión dun turista de visitar Sanxenxo é un erro doutras épocas e que, por fortuna, cada vez sosteñen menos hostaleiros de Sanxenxo".
Neste sentido poñen como exemplo o índice de ocupación hostaleira durante esta ponte "e iso que desde o inicio da semana vén informando que a climatoloxía non vai ser favorable".
- Os tres hoteis de 4 estrelas que permanecen abertos presentan os índices de ocupación máis altos. O hotel Carlos I e o Gran Talaso Sanxenxo teñen un 90% de ocupación e unha cifra moi similar o hotel Augusta SPA Resort co 87%. A Casa do Sear, unha casa rural equivalente a unhas 4 estrelas, tamén ten un 90% de ocupación.
- Na categoría de 3 estrelas o hotel novo Astur ten unha ocupación do 79%, o hotel Pontus Veteris un 75%, o hotel Peregrina, situado no interior da parroquia de Adina, unha ocupación do 50% e o hotel Justo, no paseo de Silgar, cun 40%.
- Na categoría de 1 estrela o Mardevela na avenida de León ten unha ocupación do 90% e os apartamentos Trisquel na avenida Luís Rocafort unha ocupación do 60%.
A media de ocupación destes 10 establecementos é dun 75%.
"Estes datos demostran que os hostaleiros que apostan pola tempada baixa obteñen o recoñecemento dos seus clientes, que coñecen e valoran os recursos e atractivos que ten Sanxenxo máis aló do verán", conclúe o goberno bipartito de Sanxenxo.