Despedida unha empresa subministradora de Príncipe Felipe por non cumprir coa calidade esixida
Por Oskar Viéitez
A deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, anunciou que na Xunta de Goberno deste luns se aprobará a contratación da subministración de produtos de alimentación conxelados para o comedor do centro Príncipe Felipe co fin de substituír á actual empresa.
Segundo dixo Vilaverde, detectáronse deficiencias en canto aos parámetros de calidade esixidos no contrato base e os prazos de entrega, polo que a Deputación fixo un requerimento de mellora á firma concesionaria tanto para os tempos de subministración como para os produtos.
Foi preciso aplicar penalidades polo incumplimento e, como aínda así non se deu resposta satisfactoriamente, a institución provincial resolverá o contrato actual e, con carácter de urxencia, asinará un novo para que se atenda o servizo.
Vilaverde destacou que o orzamento do contrato de subministro de conxelados ascende a un máximo de 77.974 euros. O subministro de alimentos para o Príncipe Felipe está regulado por un contrato marco dividido en seis lotes cun orzamento de 630.231 euros para dous anos: produtos de almacén e despensa, produtos lácteos, conxelados, cárnicos e embutidos, froitas e verduras e pastelería e panadería.
A deputada quixo destacar que coa nova contratación para o subministro de conxelados tamén se aproveitou para incluír nas bases do contrato maiores penalidades para as empresas no caso de incumplimento de calidades ou prazos de entrega.
NOVAS CUBERTAS
Eva Vilaverde tamén anunciou a aprobación na próxima Xunta de Goberno da contratación das obras para a reforma da cuberta dos edificios de ‘Maternais’ e da escola infantil, que teñen un orzamento de 358.481,10 euros.
Así mesmo, a nacionalista destacou que os departamentos técnicos están a revisar as instalacións que faltan por reformar nos centros de acollida para determinar as súas necesidades e acometer as actuacións de renovación necesarias.