Novo proceso selectivo para cubrir 3.050 prazas para militares profesionais
Por Redacción
O Ministerio de Defensa convocou un novo ciclo do proceso selectivo para cubrir un total de 3.050 prazas para entrar como militar profesional da Escala de Tropa e Mariñeiría das Forzas Armadas. Estas prazas distribúense entre o Exército de Terra (2.000), a Armada (600) e o Exército do Aire (450).
En Galicia e zonas próximas, o Exército de Terra convoca para unidades da Brigada de Infantería Lixeira "Galicia VII", 45 prazas en Figueirido (Vilaboa) e 92 en Sieiro (Asturias). A Armada convoca 105 prazas para buques e unidades da zona norte (Marín, Ferrol, Tui, San Sebastián e Bilbao) e o Exército do Aire convoca unha praza para o Aeródromo Militar de Santiago de Compostela e 7 para a Academia Básica do Aire en León.
Desta forma iníciase na área de recrutamento da Subdelegación de Defensa en Pontevedra o proceso de selección polo sistema de concurso-oposición para cubrir as prazas tanto para cidadáns nacionais como para estranxeiros.
Os principais requisitos que se piden son:
- Ter cumpridos 18 anos e non superar a idade máxima de 29 anos o día de incorporación ao centro de formación militar correspondente.
- Estar en posesión dos niveis de estudos ou da titulación esixida que como mínimo será o de Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou os seus equivalentes.
Para participar no proceso selectivo é necesario solicitar cita previa. Pódese pedir persoalmente ou por correo certificado nas áreas de recrutamento, oficinas delegadas e en oficinas e puntos de información dependentes das Subdelegacións de Defensa como a que se atopa no Paseo de Cervantes, en Pontevedra. Tamén se pode solicitar a través do teléfono 902432100 ou na web do Ministerio de Defensa.
O prazo aberto para realizar esta solicitude ábrese o 11 de decembro e péchase o 22 deste mesmo mes.